
ELIA Together 2026 no Porto
Febreiro 21, 2026
Comunicación, cultura e marca no Net Brunch Vigo
Marzo 14, 2026Impulsando Galicia ao mundo desde Ferrol
O mércores 11 de marzo de 2026, celebramos na sede de Ferrol da Cámara de Comercio da Coruña unha nova edición do noso encontro sobre internacionalización, organizado por Globalingua Translation en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña.
Foi unha xornada en que reflexionamos sobre como as empresas poden levar os seus produtos máis alá das súas fronteiras combinando comunicación, adaptación cultural e intelixencia artificial.
María Blanco Álvarez abriu o encontro cunha reflexión centrada nun dos principais retos da internacionalización: alén da calidade do produto, a clave está en como se interpreta e se entende en cada mercado. Neste sentido, falou da necesidade de ir máis alá do «non nos coñecen» e analizar se a mensaxe está realmente ben adaptada ao público obxectivo.
Pola súa parte, Javier Martínez Torres mostrou o potencial da intelixencia artificial para a análise de mercados, a adaptación de contidos e o reforzamento de estratexias internacionais. Durante a súa intervención, salientou que o factor diferencial non reside no uso da IA en si, senón no grao de dominio que se teña sobre ela.
No panel de empresas, moderado por Xosé Luis Reza Pérez, participaron María Amado (Grupo Gabadi), Manel Fernández (Invernaderos Fertri) e María Ameneiro (Prometal Tecnología e Innovación S.L.), que compartiron experiencias prácticas sobre os seus procesos de expansión internacional. Entre as principais conclusións, destacaron a importancia da lingua, a precisión na comunicación e a adaptación cultural como factores determinantes para operar con éxito en mercados estranxeiros, mesmo cando se comparte idioma.
Desde Globalingua subliñamos esta mesma idea: a internacionalización non se limita á comercialización noutros países, senón que implica unha comunicación eficaz, baseada na precisión terminolóxica e na adaptación cultural como elementos clave para xerar confianza e facilitar a entrada en novos mercados.
Grazas a todas as persoas que nos acompañaron polo seu interese, a súa participación e por compartiren unha visión común sobre o papel da comunicación nos procesos de internacionalización.






















